Saltar ao contido principal

Tema 3 Didáctica: Estratexias de comunicación.

Dossier:

Este tema abordou o que considero a parte máis esencial ou central do ensino dunha lingua estranxeira, as competencias que o noso alumnado deberá desenvolver e as actividades mediante as cales, como docentes, guiaremos ese proceso. Despois de termos seguido a evolución da clasificación das destrezas a desenvolver na aprendizaxe de linguas estranxeiras, coa división en "comprensión", "expresión", "interacción" e "mediación"e a relación entre elas, comezamos a aprender sobre o deseño de actividades orientadas ao desenvolvemento das mesmas. 

En primeiro lugar, familiarizámonos ca mediación, aquela destreza que mobiliza todas as outras, como vimos nas aulas:


A pesar de existiren varios tipos de mediación, en base a diferentes criterios, poderíamos resumila como a capacidade de trasladar unha información determinada dun emisor a un receptor, actuando como intermediari@s, que doutro xeito non poderían comunicarse (ben traducindo a información dunha lingua a outra ou adaptando a información dentro da mesma lingua). Tamén vimos que a mediación como actividade responde bastante directamente aos principios do enfoque orientado á acción, xa que mobilizando o resto de destrezas, simula moi ben as situacións comunicativas reais que o noso alumnado vai enfrentar no seu uso da lingua estranxeira.

Por esta razón, considero especialmente interesante termos aprendido na primeira práctica a deseñar unha actividade deste tipo. O noso grupo (Laura, Sara e eu) decidiu, procurando usar o factor da motivación para mellorar a calidade do proceso de ensino-aprendizaxe, e para que a última sexa significativa, crear unha serie de carteis simulando información real de festivais de música, un tipo de evento que habitualmente resulta de interese para o alumnado de 1º de bacharelato, para quen deseñamos esta actividade. Neste caso tratouse dunha mediación intralingüística, xa que o alumnado recibía a información na lingua meta, e debia retransmitila ao resto do grupo aula na mesma lingua. Estes foron alguns dos carteis empregados:

Continuando co temario, para abordar a comprensión, a produción e a interacción orais e escritas, fixemos fincapé na primacía que o enfoque comunicativo e orientado á acción dan á vertente oral das destrezas, e en especial á expresión, ao contrario de métodos máis antigos, baseados na tradución de textos escritos. Por esta razón comentamos na aula a necesidade de incluir nas nosas aulas a maior cantidade posible de actividades que impliquen a expresión oral de cada alumno e alumna, por exemplo con exercicios grupais de interacción, xa que nun grupo grande pode ser complicado ter tempo de escoitar a cada estudante nun exercicio individual. De todos xeitos, grazas ás tecnoloxías da comunicación, como tamén vimos noutras materias, unha gravación do tipo dun podcast pode ser tamén un exercício moi útil para potenciar e avaliar a expresión oral. Tamén me pareceu moi interesante, ao desenvolver a seguinte actividade, de comprensión oral, ver canto de expresión e de interacción se pode tamén incluir neste tipo de exercicios, para potencias todas as destrezas ao mesmo tempo, con actividades diferentes.


Diario: 

Creo que este tema é esencial, como dicía ao inicio, para entender non só o que debemos potenciar como docentes de lingua estranxeira no noso alumnado, senón sobre todo o como, xa que en moitos casos na nosa formación como filólog@s non temos as técnicas de adquisición dunha lingua etsranxeira, nin moito menos as de docencia. Polo menos no meu caso persoal, a realización destas actividades de deseño en termos didácticos creo que me vai ser moi útil no periodo de prácticas do mestrado, xa que me deu unha base bastante realista de como organizar unha sesión ou unha actividade de aula cun propósito claro. 
Algo que tamén considero moi positivo do desenvolvemento das nosas clases en xeral e non exclusivamente desta materia ou deste tema, é o feito de poñermos sempre en común os nosos exercicios e ideas co resto do grupo aula, de forma que en moitas ocasións aprendo da experiencia docente ou das ideas que as nosas compañeiras e compañeiros teñen. Creo que estas aportacións van ser esenciais para a miña aprendizaxe e mesmo para iniciarme na práctica docente, e quero reflectilo na miña forma de impartir aulas, porque creo que o mestrado nese sentido conseguiu demostrarme que a aprendizaxe colaborativa, á que non estamos moi afeitos, funciona.

Así que moitas grazas a tod@s por lerme e por ensinarme tanto!

Comentarios

  1. Moi boas, Rita!

    Parabéns pola túa entrada, gústame moito como escribes e te expresas no blog.
    Gustoume moito a actividade de mediación que creastes, vaia traballo crear todos eses carteis! Paréceme moi interesante a maneira de plantexar esa actividade e coido que se a empregades nunha aula real teriades éxito co alumnado xa que a acollería moi ben xustamente polo que ben explicas na entrada, polo factor motivación.
    Alén diso, estou totalmente de acordo contigo sobre o positivo de poñer en común todas as actividades que facemos na aula, pois eu tamén aprendo moito escoitando o feedback da docente e as aportacións do resto de compañeiras e compañeiros.

    Até a próxima!

    ResponderEliminar
  2. Boas, Rita! Antes de máis dicir que me encantou a vosa actividade de mediación. Aparte de que véxoa totalmente factible para unha aula de LE, paréceme moi atrainte para o propio alumnado, que é algo que penso que non podemos esquecer como futuros docentes e... menudo choiazo! Parabéns! Por outra banda, coma se nos recordou, debemos potenciar as actividades orais porque son as que menos podemos practicar (algo tan de sentido común que nunca o pensara). Outra cousa que me chamou a atención foi o da gravación das actividades como instrumento educativo (tamén para axudar a unha futura avaliación). Por último, concordo totalmente no esencial deste tema para a formación e, deste xeito, traballar actividades colaborativas ou cooperativas. Persoalmente, considéroo un dos máis importantes do mestrado xa que o podemos levar a cabo nas nosas futuras aulas. Saudiña!

    ResponderEliminar
  3. Ola, Rita! Ante todo, moitos parabéns pola entrada e a actividade que creaches para este tema. Como xa lle dixen a Laura, encantoume a vosa idea e como a presentastes, e cando mirei os carteis, pensei « Mon Dieu ! », menudo traballiño... Foi unha actividade en grupo moi proveitosa, onde todos aprendimos moito, e collemos ideas para as nosas aulas como profesoras ;)
    Coma ti e os meus compañeiros, concodo que esas actividades colaborativas son esenciais para animar e motivar ao noso alumnado e, para nós, é a mellor forma de aprender a ser una docente que teña espíritu de inovación, algo bastante ausente no sistema educativo actual. Aperta!

    ResponderEliminar
  4. Ola, Rita:
    A túa entrada está moi ben explicada e ten reflexións interesantes. Para empezar, paréceme que o teu grupo realizou unha labor moi boa coa actividade do festival. Xa só pola elaboración propia dos carteis, quedei abraiado na clase. Ademais diso, penso coma ti no aspecto da motivación. Se lles damos un tema que é interesante e próximo creo que o alumnado vai ser máis propenso a colaborar, interactuar e ser proactivo na aula.

    Tamén comparto unha reflexión que fixeches: a importancia da posta en común do que facemos. Realmente eu aprendo tanto do que fago eu na actividade como das perspectivas dos meus compañeir@s, así que creo que a dinámica deste mestrado vai ser algo que eu intente replicar co meu alumnado neste aspecto. Saudiña

    ResponderEliminar

Publicar un comentario