Saltar ao contido principal

Tema 6 contexto. Programacións didácticas

Bo día a tod@s!



 Dossier:

Esta entrada tratará sobre o tema relativo ás programacións didácticas, onde vimos non só o seu proceso de deseño senón tamén os usos que delas deberemos facer. O primeiro subtema que abordamos foi a función que as programacións didácticas terán para nós no proceso de oposicións tanto para o ensino secundario como para o ensino nas EOIs, xa que deberemos elaborar unha programación completa, pero nun formato máis sinxelo do que o primeiro co que fomos familiarizados noutra materia.

Saber que isto forma parte das diferentes probas das oposicións (das que tamén tivemos a oportunidade de falar co profesor en maior profundidade) creo que realmente tivo un impacto en termos de aprendizaxe significativa en nós, isto é, que nos axudou a verlle sentido e utilidade ao temario que forma parte do currículo deste mestrado.

Ademais, realizamos unha actividade do tipo, think, write, pair and share para conducir as nosas preguntas sobre o tema e que puidesen converterse nun debate grupal de que tod@s puidésemos aprender.

Gonzalo, para alén de ofrecernos información sobre todo o proceso, tamén nos ofreceu varios recursos onde continuar atopando información como a web profesorado Galicia, co seu respectivo grupo de Facebook, que nos poden resultar de enorme utilidade. Do mesmo xeito, tamén nos falou de información adicional sobre as oposicións, relativa aos méritos que se poden achegar, como poden ser os títulos de linguas estranxeiras expedidos por diferentes institucións, e á experiencia laboral que podemos gañar, e que tamén conta na oposición a través das listas de substitucións da Xunta de Galicia.

A continuación, a seguinte parte do tema consistiu na elaboración grupal dunha destas programacións didácticas segundo a nova lei, a LOMLOE, en formato oposicións, para linguas estranxeiras, neste caso para alumnado de 1.º ESO, baseado no Decreto 156/2022, para nos familiarizarmos con este tipo de traballo pero tamén para repartirmos a carga, especialmente tendo en conta que xa elaboramos unha unidade didáctica integrada especialmente extensa noutra materia. O meu grupo recibiu como asignación a elaboración da parte relativa ás medidas de atención á diversidade, que, por sorte na nova lei educativa son máis avanzadas e inclusivas ca nunca antes.

 

Diario:

En termos de opinión, creo que foi realmente útil para nós descubrir máis sobre o proceso de oposicións. No meu caso este tema era non só unha gran incógnita, senón que ademais resultábame practicamente imposible atopar información sobre elas, probablemente por falta de saber onde buscar. Por esta razón valoro moito o esforzo do profesor para manterse informado sobre as novas canles de información a respecto do proceso e compartilas con nós, que chegamos bastante perdidas e perdidos ás veces. E considero moi pertinente abordar este tema nas aulas xa que aínda que o ensino público non sexa a única saída profesional despois deste mestrado, estes estudos son un requisito imprescindible para presentarse ás oposicións, de xeito que vexo esencial abordarmos este tema.

Sobre as actividades, considero que o método think, write, pair and share serve para realizar tipos moi diversos de actividades, e para compartir opinións cas nosas compañeiras e compañeiros, de modo que aprendamos delas e tamén que se reduza a posible vergoña que o alumnado ten á hora de facer preguntas en público para resolver as súas dúbidas.

Ademais, considero moi interesante termos reflexionado grupalmente tamén sobre o propio proceso das oposicións, isto é, sobre o temario desactualizado que ten ou sobre o inxusto e antipedagóxico do modelo de exame, xogándonos todo a un día onde se sortea un tema de entre moitísimos, deixando o resultado máis ao azar do que ás nosas habilidades docentes e dedicación.

A modo de conclusión, considero que esta materia foi unha das máis relevantes deste mestrado á hora de ensinarnos realmente en que consiste a docencia de linguas estranxeiras, coa converxencia de contidos pedagóxicos, lexislativos e lingüísticos para nos facer entender a realidade multifacetada da profesión que iremos desempeñar.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Tema 1 Didáctica: Situacións e variábeis do ensino de LE

 Dosier:  Este tema, introdutorio da materia, aportounos nocións e definicións esenciais para comprendermos as diferenzas no ensino de linguas en función das características do noso alumnado, dos obxectivos do ensino, do contexto de aprendizaxe e uso, e mesmo da relación entre o alumnado e esas linguas. Como docentes de linguas estranxeiras debemos garantir que deseñamos un proceso de ensino-aprendizaxe centrado e adaptado ao noso estudantado, para o cal deberemos coñecer outras características do mesmo, como as súas linguas iniciais e segundas que, como vimos nas aulas, a partir dos 11 anos aproximadamente serven de filtro ao noso cerebro á hora de aprender linguas novas. Neste sentido, é interesante nada máis comezarmos as aulas de lingua estranxeira realizarmos un exercicio, que exemplificamos nas aulas, de reflexión e posta en común no grupo do repertorio lingüístico individual e conxunto. Este exercicio, para alén de aportar valiosa información á persoa docente, que poder...

Tema 11 Didáctica: A avaliación

 Bo día a tod@s! A miña última entrada tratará o tema da avaliación na aula de linguas estranxeiras. O primeiro que quero comentar é algo que a nosa profesora sinalou nas aulas e que me chamou moito a atención, e é o feito de que a nova lei educativa, a LOMLOE, en que nos formamos as futuras e futuros docentes, é a lei que máis atención presta á avaliación. Ao longo dos últimos meses, como sabedes, estudamos a avaliación como parte esencial do proceso de ensino aprendizaxe, non só para coñecermos os seus resultados senón tamén para mellorarmos o seu propio deseño. Por esta razón parece evidente que, para mellorar o sistema educativo en xeral, o primeiro paso deba ser mellorar o seu sistema de avaliación, e de autoavaliación en concreto. As primeiras formas de avaliación que abordamos nas aulas foron as correccións e o feedback. Xa tiñamos visto que estas observacións ao traballo do alumnado deben ser sempre construtivas e nunca destrutivas, isto é, sinalar erros que o noso alumnado...