Bo día a tod@s!
A miña última entrada tratará o tema da avaliación na aula de linguas estranxeiras. O primeiro que quero comentar é algo que a nosa profesora sinalou nas aulas e que me chamou moito a atención, e é o feito de que a nova lei educativa, a LOMLOE, en que nos formamos as futuras e futuros docentes, é a lei que máis atención presta á avaliación. Ao longo dos últimos meses, como sabedes, estudamos a avaliación como parte esencial do proceso de ensino aprendizaxe, non só para coñecermos os seus resultados senón tamén para mellorarmos o seu propio deseño. Por esta razón parece evidente que, para mellorar o sistema educativo en xeral, o primeiro paso deba ser mellorar o seu sistema de avaliación, e de autoavaliación en concreto.
As primeiras formas de avaliación que abordamos nas aulas foron as correccións e o feedback. Xa tiñamos visto que estas observacións ao traballo do alumnado deben ser sempre construtivas e nunca destrutivas, isto é, sinalar erros que o noso alumnado poida entender e corrixir, e acompañar as críticas de comentarios positivos sobre o seu traballo para que non perda a motivación ou os ánimos. Considero especialmente esencial termos falado destes cuidados para preservar a confianza do estudantado tendo en conta que pdoeríamos nun futuro traballar con persoas moi novas, nunha etapa da vida onde precisan especialmente de autoconfianza e autoestima.
Dedicamos un tempo de aula a ver un vídeo sobre este tema, en concreto a coavaliación e o feedback, que mostraba os resultados deste modelo de avaliación nunha escola en Nova Iorque. Pareceume interesantísimo, xa que amosaba un nivel excepcionalmente alto de responsabilidade, confianza en si mesm@s e n@s compañeir@s por parte do alumnado, que só se pode acadar a través do autocoñecemento que nos dá un bo uso das ferramentas de avaliación. De todos xeitos, tal como comentamos na aula, a boa aplicación dese sistema require duns cambios estruturais, un investimento de fondos e uns recursos de que nós, en xeral, non iremos dispoñer, de forma que aínda que deberemos facer un esforzo importante para integrar na nosa práctica docente estes avances educativos que se demostraron en xeral moi positivos, debemos saber que para conseguilo realmente debemos demandar que se invirta máis en educación dende as institucións de goberno.
A seguinte ferramenta que abordamos foi a rúbrica. Para alén de definila en si mesma e de diferenciala doutros instrumentos de avaliación, deseñamos a nosa rúbrica para unha das actividades que deseñamos previamente. Isto axudounos moito a entender que as actividades deben estar dende o inicio deseñadas en base á súa avaliación, para garantir que cumpren os obxectivos para os que as ideamos e tamén que non esiximos cousas fóra do que a actividade permite. As rúbricas permiten avaliar moitos elementos, lingüísticos e extralingüísticos e, sobre todo, permiten que o noso alumnado entenda a finalidade das actividades e o que se lle pide, estimulando, como dicíamos, a autoconsciencia ao longo do seu proceso de aprendizaxe.
A continuación, tratamos os diferentes tipos de avaliación existentes en función do momento en que se realizan: inicial, formativa e sumativa, e as características e finalidade de cada un deles. Vimos que a avaliación inicial ou diagnóstica, que nos serve para coñecer mellor ao noso alumnado e así podermos personalizar o proceso de ensino e relacionalo cos seus coñecementos previos, e a avaliación sumativa, que recolle os resultados finais, avaliando o produto resultante do proceso de ensino-aprendizaxe e dándonos as conclusións últimas sobre el, son moi útiles, sbre todo para a persoa docente. No entanto, vimos tamén que a formativa é o tipo esencial de avaliación, e no que máis fincapé fai a nova lei educativa. A razón disto é que a avaliación continua analiza o proceso de ensino-aprendizaxe mentres este se está a desenvolver, permitindo mellorar aprendizaxe do estudantado a través do feedback, de xeito que os erros se corrixen o antes posible e o resultado final pode ser moito mellor do que se non dicimos nada ata o final, así @s nos@s estudantes poden aprender máis no mesmo tempo e ser conscientes do seu progreso. Outra cousa moi positiva que permite é modificar por parte do profesorado a programación, as actividades, a avaliación etc. segundo as necesidades do grupo, garantindo o mellor ensino posible cando aínda estamos a tempo de aproveitalo.
A modo de conclusión, considero que este é un dos temas máis complexos e ao mesmo tempo máis relevantes na formación dun/ha futur@ docente, xa que se trata dun elemento transversal a todo o proceso de ensino-aprendizaxe, dende o seu inicio ata a fin.
Comentarios
Publicar un comentario