Dosier:
Este tema, introdutorio da materia, aportounos nocións e definicións esenciais para comprendermos as diferenzas no ensino de linguas en función das características do noso alumnado, dos obxectivos do ensino, do contexto de aprendizaxe e uso, e mesmo da relación entre o alumnado e esas linguas.
Como docentes de linguas estranxeiras debemos garantir que deseñamos un proceso de ensino-aprendizaxe centrado e adaptado ao noso estudantado, para o cal deberemos coñecer outras características do mesmo, como as súas linguas iniciais e segundas que, como vimos nas aulas, a partir dos 11 anos aproximadamente serven de filtro ao noso cerebro á hora de aprender linguas novas.
Neste sentido, é interesante nada máis comezarmos as aulas de lingua estranxeira realizarmos un exercicio, que exemplificamos nas aulas, de reflexión e posta en común no grupo do repertorio lingüístico individual e conxunto. Este exercicio, para alén de aportar valiosa información á persoa docente, que poderá explotar mellor as semellanzas entre as linguas coñecidas polo grupo e a lingua meta, tamén inicia unha reflexión metalingüística no estudantado moi útil, xa que esta conciencia facilitará o seu proceso de aprendizaxe dunha lingua estranxeira.
Outra característica relevante á hora de deseñar o proceso de ensino-aprendizaxe da LE é o propósito ou contexto de uso para o que o noso estudantado pretende adquirila. Estamos falando dun alumnado que precisa aprendela para usala como lingua habitual porque vai vivir nun país onde se fala? Como lingua de traballo para o seu entorno laboral? Ou como unha ferramenta de comunicación internacional en diferentes contextos, que lle sirva de lingua vehicular ou franca? Estas diferenzas son esenciais ao deseñarmos o proceso de ensino, xa que condicionan os obxectivos, a metodoloxía e os contidos da nosa acción docente. Por esta razón xurden diferentes tipos de cursos de linguas estranxeiras, dende os máis xerais ou integrais como os das EOIs, que pretenden que dominemos a lingua en contextos diversos ata os máis específicos, como os das formacións profesionais, que se centran na comunicación eficaz en contextos determinados, relacionados ca área laboral desa formación.
En relación aos conetxtos de uso, tamén desenvolvimos na aula un exercicio de reflexión metalingüística sobre as diferentes situacións sociais en que as linguas que coexisten con outras son empregadas ou non, e sobre a función que o uso dunha lingua nun determinado contexto está desempeñando, non só para entender a complexa realidade das comunidades lingüísticas senón para entender tamén como deberemos enfocar o seu ensino en función dese contexto de uso.
Diario:
Considero especialmente útil termos tido un tema de introdución para esta materia, xa que a didáctica é unha disciplina bastante allea para min como filóloga, e grazas a este tema atopei unha ponte de relación entre o meu campo de estudo e o ámbito da práctica docente, unha especie de transvase de información, que me permitiu entender mellor con que unidades ou conceptos funciona a didáctica das linguas.
Creo tamén que do mesmo xeito que o exercicio do repertorio lingüístico nos serviu para coñecer mellor e levarnos algunha sorpresa sobre os nosos compañeiros e compañeiras, pode servir para cohesionar o noso grupo aula cando sexamos nós os e as docentes de LE e crear un espazo cómodo e de confianza onde as persoas poidan aprender con maior facilidade co apoio de todo o grupo.
Ao mesmo tempo, tamén considero moi útil termos repasado certos conceptos de lingüística xeral, aínda que moi superficialmente, que nos lembren o papel da aprendizaxe de linguas no desenvolvemento cognitivo e social das persoas, o dominio e uso de varias linguas como realidade maioritaria no desenvolvemento vital das persoas ao longo de todo o mundo e o papel do seu ensino nos espazos académicos como ferramenta de cohesión social.
Como conclusión, a pesar de que o ensino de linguas estea e deba estar centrado na práctica e na comunicación efectiva, considero esencial non perdermos de vista esa dimensión metalingüística que trascende a visión das linguas coma un mero código de transmisión de mensaxes e que nos permite profundizar na complexidade das relacións humanas e a coexistencia entre linguas e comunidades con sistemas culturais e de pensamento diversos. Creo que o noso papel como docentes tamén é intentar despertar ese tipo de reflexión no noso estudantado, de xeito que sempre busque cousas novas que aprender das linguas e culturas con que se atope na vida.
Ola, Rita!
ResponderEliminarEstou de acordo coa túa reflexión. Tamén como filóloga sinto que a didáctica é unha disciplina allea para min e que grazas a este tema atopei puntos en común que poidan fiar unha clase de lingua estranxeira. Traballamos con actividades que nos puxeron en contacto directo con xeitos de transmitir coñecementos que van máis alá do puramente teórico (o cal non adoita ser habitual, por desgraza). Ao final é o que ti dis, as linguas deben ter funcionalidade alén da mera transmisión de mensaxes; as linguas transmiten sentidos e significados moitas veces ocultos no significado que o dicionario lle atribúe a un termo.
Ola, Rita!
ResponderEliminarAntes de nada quería comentarche que considero que resumiches perfectamente tanto o temario como as actividades que realizamos ao longo das sesións do tema 1. Ademais, foi un pracer colaborar contigo e co resto de compañeiras na creación do noso Placemat, xa que foi unha actividade coa que aprendín moito.
Por outra banda, ao igual que comentades Marta e ti, considero que é importante que o ensino dunha lingua non se centre unicamente na transmisión efectiva de mensaxes, xa que o fondo da mesma é importante e é esencial prestarlle atención tamén a este aspecto.
Un saúdo! 😀