Saltar ao contido principal

A literatura no MCER

 Bo día compañeir@s!

En relación ao Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas, gustaríame retomar o tema da literatura, así como o seu papel na adquisición dunha lingua e no desenvolvemento das diferentes competencias que o MCER contempla para este proceso, que son a expresión, a comprensión, a interacción e a mediación.

Sabemos que o texto literario pode apresentarse en moi diversas modalidades, canais de comunicación e pode servir a moi diferentes funcións. A nivel de comprensión, por exemplo, a lectura e intercambio grupal de opinións sobre unha obra de narrativa pode axudar ao noso estudantado a adquirir vocabulario e estruturas na lingua meta. A nivel de expresión e de interacción tal vez a preparación e escenificación dun guión teatral da literatura contemporánea axude a mellorar a fluidez e a perder certa timidez a nos comunicarmos na lingua que non dominamos. 

Para alén disto, como xa referín en traballos anteriores, a cultura é parte esencial da adquisición dunha lingua, e a literatura pode ser un bo material de aproximación á mesma. Imaxinemos o caso de Os Maias, unha novela decimonónica esencial para entendermos a literatura portuguesa ata a actualidade, é moi probable que un texto tan antigo non sirva de gran utilidade ao noso alumnado á hora de perfeccionar as súas competencias, enfocadas ao uso, en lingua portuguesa. No entanto, se tomamos o a obra como fonte dun material moi específico, por exemplo a ruta de lugares que o protagonista visita entre Lisboa e Sintra ao longo do desenvolvemento da historia, poderemos ter un contido cultural valioso que traballar dunha maneira que si sexa funcional para @s estudantes, por exemplo, deseñando unha ruta hipotética ou mesmo real de viaxe escolar, con vocabulario de viaxes e interaccións relativas ao trámites que deberán realizar para organizala.

Nesta liña de traballo, quero deixar unha proposta a nivel de expresión, para un nivel baixo ou intermedio de lingua: a composición grupal dun texto narrativo a través do método denominado "cadáver exquisito". Así a literatura non será só un compendio de textos xa creados, senón que o noso grupo aula terá a oportunidade de "creala" tamén. Con este tipo de exercicio, dotaríamos ao noso alumnado dunha serie de ferramentas para a expresión que van precisar para a elaboración do texto, e sobre todo para a comprensión das aportacións de cada compañeir@, que lles servirán de axuda sempre que precisen transmitir unha mensaxe longa, contar unha historia ou describir un suceso.

Este xogo, o "cadáver exquisito" foi un gran éxito nos tempos do surrealismo, cando os autores de diferentes lugares exploraban ao mesmo tempo a idea da literatura como unha gran obra colectiva, dividida en fragmentos pretendidamente individuais, as obras, que serían apenas reelaboracións dos temas fundamentais.
O cadáver exquisito non se limitou á literatura, sendo tamén moi notable nos intercambios entre artistas plásticos, a través do debuxo, dando lugar a creacións únicas e interesantísimas, que tal vez tamén poderían ser abordadas como contido cultural na aula despois de que o noso grupo teña feito a súa aportación a este estilo artístico dende as letras.

Creo que este tipo de iniciativas poden servir para motivar no alumnado o gusto pola cultura e a arte producida na lingua meta, non só para fomentar o seu desenvolvemento persoal, senón tamén para facilitar a súa integración en espazos, neste caso, lusófonos, onde ao atoparse con persoas que poidan ter coñecementos sobre os mesmos temas, teñan temas de conversación e intercambio de ideas, os principais propósitos das competencias de interacción e mediación do MCER.

Espero que a miña proposta vos teña gustado, e se queredes deixarme algunha idea máis nos comentarios sobre como introducir de xeito interesante a literatura e a cultura nas miñas aulas estarei encantada!

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Tema 1 Didáctica: Situacións e variábeis do ensino de LE

 Dosier:  Este tema, introdutorio da materia, aportounos nocións e definicións esenciais para comprendermos as diferenzas no ensino de linguas en función das características do noso alumnado, dos obxectivos do ensino, do contexto de aprendizaxe e uso, e mesmo da relación entre o alumnado e esas linguas. Como docentes de linguas estranxeiras debemos garantir que deseñamos un proceso de ensino-aprendizaxe centrado e adaptado ao noso estudantado, para o cal deberemos coñecer outras características do mesmo, como as súas linguas iniciais e segundas que, como vimos nas aulas, a partir dos 11 anos aproximadamente serven de filtro ao noso cerebro á hora de aprender linguas novas. Neste sentido, é interesante nada máis comezarmos as aulas de lingua estranxeira realizarmos un exercicio, que exemplificamos nas aulas, de reflexión e posta en común no grupo do repertorio lingüístico individual e conxunto. Este exercicio, para alén de aportar valiosa información á persoa docente, que poder...

Tema 11 Didáctica: A avaliación

 Bo día a tod@s! A miña última entrada tratará o tema da avaliación na aula de linguas estranxeiras. O primeiro que quero comentar é algo que a nosa profesora sinalou nas aulas e que me chamou moito a atención, e é o feito de que a nova lei educativa, a LOMLOE, en que nos formamos as futuras e futuros docentes, é a lei que máis atención presta á avaliación. Ao longo dos últimos meses, como sabedes, estudamos a avaliación como parte esencial do proceso de ensino aprendizaxe, non só para coñecermos os seus resultados senón tamén para mellorarmos o seu propio deseño. Por esta razón parece evidente que, para mellorar o sistema educativo en xeral, o primeiro paso deba ser mellorar o seu sistema de avaliación, e de autoavaliación en concreto. As primeiras formas de avaliación que abordamos nas aulas foron as correccións e o feedback. Xa tiñamos visto que estas observacións ao traballo do alumnado deben ser sempre construtivas e nunca destrutivas, isto é, sinalar erros que o noso alumnado...