Bo día a tod@s!
Para a miña entrada do primeiro tema, quixen abordar unha cuestión mencionada nas primeiras aulas, o papel da literatura e moitos outros aspectos culturais no ensino de linguas estranxeiras. Con ese propósito traballei coas ideas que Nuccio Ordine, autor que foi mencionado na aula e que eu descoñecía antes de preparar este texto, expón nas suas conferencias, como a que vos deixo debaixo, e no seu libro/manifesto A Utilidade do Inútil.
Partiremos das ideas do autor, que concibe a finalidade do ensino como a formación de cidadá(n)s libres, cun papel activo no funcionamento da sociedade, e como o "perfeccionamento" da persoa a través do enriquecemento do seu espíruto con coñecemento, en oposición ao proceso de mercantilización do ensino que ameaza con destruír os saberes "inútiles", aqueles que non producen ou cuxa motivación intrínseca non é producir beneficios económicos ao sistema establecido.
Dentro deste marco de pensamento, argumentamos que o ensino de linguas estranxeiras en si mesmo serve, como tamén foi referido na aula con relación á hipótese do Relativismo Lingüístico, para coñecer novas cosmovisións, que nos abren a posibilidade de renovar e ampliar a nosa propia. E precisamente por esta razón sabemos que o estudo dunha lingua implica moito máis que un código comunicativo cuxos elementos léxicos e normas gramaicais debemos dominar, implica coñecer e comprender a sociedade en que funciona, a cultura por ela producida, e a filosofía que a súa literatura reflicte.
Esta concepción choca con certas modalidades de ensino de linguas con finalidades "prácticas", como o ultracoñecido "english for business", que non promove, dentro do noso marco de pensamento, o enriquecemento do espírito, o estudo polo pracer do coñecemento e a utilidade do mesmo nun plano xeral da nosa vida, senón unha utilidade restrinxida ás esixencias do mercado, en vez de ás da nosa propia mente.
Do mesmo xeito que Ordine argumenta que o estudo das linguas e literaturas antigas nos axuda a entender o noso presente, engado eu que porque tal vez nos resulte máis fácil reflexionar criticamente sobre algo "alleo" en certa medida, de forma que despois poidamos trasladar ese pensamento crítico ao noso tempo, penso que o mesmo ocorre coas linguas e culturas estranxeiras, de xeito que profundizar no noso estudo en termos lingüísticos, culturais e literarios doutras linguas e sociedades pode axudarnos a reflexionar criticaemente sobre as nosas propias, favorecendo o noso crecemento persoal en tódolos aspectos, para alén de dotarnos das capacidades útiles de comunicación.
O seguinte tema en que o autor entra e que tamén quero abordar, é a lectura e estudo dos clásicos no ensino, no noso caso, das linguas estranxeiras. Sabemos que os procesos de canonización literaria teñen unha íntima relación con cuestións como a identidade cultural e mesmo nacional dun pobo. Así, non é de extrañar que moitos clásicos das literaturas europeas sexan obras do século XIX, o século por antonomasia dos movementos nacionalistas que buscaron a esencia dos pobos para construír a súa identidade na literatura e os mitos, en xeral, medievais. Un exemplo deste tipo de fenómeno na lingua española podería ser Don Juan Tenorio, obra teatral decimonónica, baseada no protagonista do Burlador de Sevilla y el Convidado de Piedra, do século de ouro da literatura castelá, que marcou o arquetipo da personalidade e a "esencia" do home español, que perdura como estereotipo no estranxeiro (e no país) ata os nosos días.
É por esta razón que apoio os argumentos de Ordine sobre o ensino dos clásicos non só como ferramenta para entender a reflexión atemporal sobre a condición humana en xeral, senón tamén para entender cada identidade colectiva particular, cada cultura, cuxo reflexo poderemos observar na literatura, así como na propia lingua. Por iso, ignorando a literatura ao estudarmos unha lingua estranxeira, corremos o perigo de borrar dela o máis precioso que ten para ofrecernos, o contido simbólico que remite a elementos puramente culturais, a súa cosmovisión, que non poden ser entendidos se coñecemos unicamente os aspectos funcionais, técnicos da lingua. Así, se non abordamos nas aulas a literatura e a cultura da lingua estranxeira, esta convírtese apenas nun código diferente para a nosa propia cosmovisión, e a aprendizaxe vése significativamente reducida.
A modo de conclusión, quero simplemente expresar o interesantísimo que me resultou coñecer a este autor, que é unha excelente ponte ente a teoría da literatura e a docencia, unha conexión que no eido do ensino de linguas estranxeiras está, ás veces, moi esquecida, e cuxa lectura recomendo encarecidamente.
Boas, Rita!
ResponderEliminarComo ben recordarás, eu fun o que alzou a voz na aula en contra do emprego dos clásicos decimonónicos e derivados nas aulas dando a miña visión sobre o tema: non considero que sexa algo que motive ao alumnado e, nunha aula de lingua estranxeira nun centro de educación secundaria tampouco é o máis doado para o alumnado.
Parécenme moi interesantes as túas reflexións e as que de Nuccio Ordine expón no vídeo. Non sei se me fixeches mudar de opinión, pero desde logo si que me fixeches pensar... :)
Ata a próxima!
Ola, Rita! Paréceme moi interesante todo o que dis. Coincido contigo en que as linguas reflicten a cultura ou culturas nas que se desenvolveron, e polo tanto tratar de aprendelas de xeito completamente illado faría que ese proceso de adquisición e aprendizaxe estivese incompleto. Porén, creo que usar os clásicos da literatura en niveis intermedios e baixos pode non ser o máis adecuado. Quizais na produción literaria actual haxa obras que encaixen moito mellor para o alumnado, sobre todo se pensamos na secundaria.
ResponderEliminar