A modo de dosier de actividades, este primeiro tema de deseño curricular caracterizouse, principalmente, por actividades de avaliación diagnóstica que nos permitiron retomar ideas e contidos vistos en materias previas, así como facilitar o seu enlazamento cos novos contidos, específicos do ensino de linguas estranxeiras. Así, predominaron os tests e cuestionarios, grupais e individuais, que para alén de medir os nosos coñecementos previos, tamén nos axudaron a afianzar os novos dun xeito dinámico, especialmente tendo en conta o carácter denso da materia lexislativa.
Tamén houbo,
naturalmente, unha parte expositiva de contidos teóricos, que se seguiu das
nosas presentacións grupais, cuxa preparación aprofundou o noso coñecemento
neses elementos e organización curriculares dos diferentes niveis e réximes
educativos. No caso do grupo en que eu traballei, concretamente tivemos a
oportunidade de abordar o ensino de linguas estranxeiras nos diferentes niveis
de Formación Profesional, algo especialmente interesante polo descoñecido que
nos resultaba:
A seguinte institución
cuxo funcionamento e currículo comezamos a coñecer foi aquela do ensino de
linguas por antonomasia, a Escola Oficial de Idiomas. Colectivamente fomos
aprendendo e reflexionando a través de debates na aula sobre a súa
organización, culminando na elaboración dunha presentación conxunta que
sumarizase eses contidos traballados:
A modo de síntese
sobre as actividades realizadas na aula, quero sinalar a relevancia de termos desenvolvido
un traballo principalmente colaborativo e interactivo, paro construír en grupos
menores ou maiores, coas nosas aportacións individuais, un coñecemento
colectivo de que todos nos puidemos enriquecer, auto e coavaliado, de forma que
para alén do estudo teórico da lexislación, as aulas tamén supuxeron un exemplo
práctico de metodoloxías docentes innovadoras, en moitos casos contando co emprego
das tecnoloxías.
Doutro lado, a modo de diario de reflexións sobre o referido tema, quero destacar neste apartado a complexidade que supón a aprendizaxe e estudo da lexislación educativa en materia de linguas estranxeiras, xa que inclúe unha serie de documentos moi voluminosos redactados nunha linguaxe de función especificamente administrativa e protocolaria, e, por esta razón, valorizar especialmente a simplificación que nas aulas se fixo dos mesmos para o noso temario, permitíndonos ter unha primeira aproximación a estes documentos en que puidemos comprender o seu propósito e contidos.
A pesar de que a
lexislación educativa supón apenas unha parte da complexa realidade do proceso
de ensino-aprendizaxe dunha lingua estranxeira, o seu obrigado coñecemento e
cumprimento débennos levar a reflexionar sobre ela como algo máis ca unha simple
guía de práctica docente e de deseño curricular, xa que se trata do reflexo da
filosofía das institucións que regulan a educación a nivel estatal e autonómico,
e, por tanto, da visión que se espera que adoptemos da educación e dos seus
propósitos.
Como conclusión, a
pesar de que este sexa o quinto tema da programación, considero moi oportuno
que fose o primeiro co que tivemos contacto, xa que creo que iso nos deixou
claro que esta é a base sobre a que se constrúe todo proceso de
ensino-aprendizaxe, de forma que a partir daí fomos entrando en cuestións cada
vez máis específicas, tanto do ámbito das linguas estranxeiras, como o MCER de
linguas, como das competencias de cada persoa docente en particular.
Ola, Rita:
ResponderEliminarA vosa contribución pareceume do máis interesante xa que si que estamos algo familiarizados co currículo da ESO ou de bacharelato, xa que a maioría cursámolo en España para acceder á universidade. Porén, para min (e supoño que para a maioría) o tema das linguas estranxeiras nas FP era un tema totalmente descoñecido.
Para empezar, darche os parabéns porque encántame o aspecto visual e as transicións da vosa presentación. Moi chulo. Eu na miña ignorancia pensaba que nas FP só se farían cousas relacionadas co oficio e que non habería unha parte de linguas, polo que resultoume sorprendente o feito de que haxa dous módulos de comunicación e sociedade no que están as linguas estranxeiras. Non só iso, senón que estes módulos son o 35-40 % do currículo. Grazas polo coñecemento! De non ser pola vosa presentación seguiría na miña ignorancia.
Un saúdo :)
Ola, Rita! A verdade é que si, creo que é a primeira vez que me cadra de empezar o contido dunha materia polo quinto tema, feito curioso. Pero tes razón en que foi interesante este comezo, xa que se trata de contidos base que calquera aspirante á docencia de linguas estranxeiras debería coñecer. Ao ser un tema tan teórico iso facíao máis difícil de dixerir, pero é certo que o feito de probar todos estes métodos de presentacións colaborativas e debates piramidais axudou a dinamizalo considerablemente. Coincido tamén co comentario previo de Alejandro, non tiña nin idea de que nas FP as linguas estranxeiras tiñan tal nivel de importancia. Quen sabe, ao mellor calquera das persoas que estamos hoxe neste mestrado acabamos dando clase aí!
ResponderEliminar